Este será un poema para que o leas moi rápido
(porque a velocidade era outro dos sentimentos acordados)
e que deixe separacións entre as palabras é un favor que che fago
a ti.
A ti todos os favores do mundo.
Este será un poema a estrear.
E serán os meus ollos (beleza obvia que me concedo)
patentando xoguetes pola noite adiante,
contratando avionetas de cola que che digan unha frase
e unhas cantas intencións:
“os teus brazos son unha sucursal do paraíso”,
son as terrazas no verán
bicos coma puzzles
as tardes de plástico
os meus amigos
as risas
os sofás de toda a cidade tapizados coas nosas risas…
Meu amor, non innovamos nada,
pero neste pracer de mil norias ascendendo
recoñezo a calidade deste amor e da túa lingua,
achégome robótica ó teu corpo esquerdo
e comprobo como, efectivamente,
no teu corazón están tocando a miña canción preferida.
LE+
LE+