13.6.11

Montañeros C.F



Hoxe vouvos falar sobre un equipo da Coruña que non é un equipo de sona coma o Deportivo, pero é o equipo de Elviña, fálovos do Montañeros C.F.

O Montañeros Club de Fútbol - Banco Gallego é un club fundado en 1967. Desde a tempada 2009-10 milita no Grupo I da Segunda B.

O Montañeros xorde coma un equipo aficionado a partir dunha asociación de "boy scouts" . Pouco a pouco comezou a facerse notar nas divisións rexionais galegas, e foi avanzando categorías ata chegar a ser profesional. Na tempada 2006-07 conseguiron o ascenso á Terceira División, e na súa primeira tempada conseguiron salvar a categoría quedando no oitavo posto.

Na tempada 2008-09 o equipo rematou na segunda posición, posto que lle fixo disputar os playoffs polo ascenso. Aínda que non conseguiu ascender de categoría no terreo de xogo, xa que perdeu contra o Hellín Deportivo, o descenso administrativo do Cidade de Santiago fíxolle ocupar a súa praza coma mellor galego clasificado. Por esta razón, o Montañeros debutou na tempada 2009-10 na Segunda División B, quedando 10º.
 Nas categorías inferiores, o Montañeros conta con 22 equipos en diversas categorías. Dende a década do 2000 a institución pasou a estar vinculada ao Banco Gallego, e mantén tamén un convenio co Deportivo da Coruña.
O seu uniforme titular é camiseta branca, pantalón branco e medias brancas e o seu uniforme alternativo é camiseta azul mariña, pantalón azul mariño e medias azul mariño. A marca que dá os equipamentos é Adidas, e o patrocinador do club é Banco Gallego.

O Montañeros non conta con estadio en propiedade. Xoga os seus partidos coma local no campo de A Grela, que ten unha capacidade de 1.500 espectadores e céspede artificial, inda que tamén xoga algúns partidos no campo de Elviña. Tamén emprega as instalacións da Cidade Deportiva de Abegondo, propiedade do Deportivo da Coruña.

Aquí vos deixo un enlace a páxina do equipo.
Germán